miércoles, 28 de diciembre de 2011

Déixame un abrazo (sen subvención)


Eu quero lucilo este ano para desexarvos a todos boas festas, que o ano que comeza vos traia ledicias, agarimos e querenzas.

Que as xeadas e néboas non callen nin acalen en vos, que nos sosteña a inxenuidade,  a esperanza, fortalecernos sen gobernantes ocupando os hemiciclos para escoitar músicas ou silencios.

Nas noites con superficies violentas encontremos un papel en branco para encher de berros calados en contra do mundo, sen crise ou con ela, encontrar outra capa da atmósfera respirable o lado da lareira, sen recoller o lume dos sen rostro.


Construamos túneles azuis, amarelos, da cor da verdade e do misterio para chegar ás raíces da aldea, crer nela e sementar quimeras e idealismo sen límites, ca nosa fala, ata sentir a dor dos soños.

Cando todo serve, que as túas mans limpas che acubillen do frío.
Cando todo serve, non reserves só un lugar tranquilo.
Bo ano novo.

10 comentarios:

Paz Zeltia dijo...

o "lugar tranquilo" no corazón egoísta que todos temos quizá nos levou ata aquí.
pero pouca esperanza teño nos humanos como especie, arrasa por onde pasa, destrúe; e entre nós igual. sempre pelexando coa arma ou coa palabra.
linda felicitación, maribel, porque de un en un, de unha en unha sí merecemos a pena, e sí existen amor, solidariedade.
loureiro.

parezo "don quintín el amargao", aquí furando na navidade, coma unha toupa. pero é que quedei medio durmida á beira do lume. Espertei hai un anaquiño coa túa páxina aberta, onde me pillara o sono, e así espertando na madrugada, de pronto, nada me pareceu optimista.

matrioska_verde dijo...

encántame a túa doce felicitación, chea de serenidade...
e logo leo o comentario de Zeltia, con eses chiscos de desesperanza (compréndoa)...
e quédome co bó dos dúas...
un coctel de realidade.
biquiños,

Raposo dijo...

Aquí, a carón da lareira, tamén eu che desexo boas festas e feliz aninovo!!
Bicos!!

Antonio dijo...

Non teño lareira para deitarme ao seu lado
A túa mensaxe compártoo coa alegría e tristeza destas datas.
Alegría por proximidade.
Tristeza por afastamento.
Alegría de loureiro, unha nova casa.
Tristeza por un novo banzo.
A túa mensaxe é claro, aberto e cheo de comunicación.
Loureiros de xardín ou loureiro de cociña, todo un dilema.
Régao, alimentalo coma se de ti mesma tratásese.
Bonita despedida de ano, e que o comezo do ano sexa con quen mais queiras.
Bo Fin de Ano.

Son Unha Xoaniña dijo...

Moitas grazas, non sei se hai algún problema para entrar no meu blogo, terei que mirar.
Desexoche que pases unha fin de ano inesquencibel, e que o 2012 veña cheo de ledicia.
Bicos

Chousa da Alcandra dijo...

Obrigadísimo polos tan ben ordenados fonemas.
Eu tamén veño desexarche unha feliz cabalgadura por este 2012.
Bicos bisestos

jogonzaglez dijo...

Tronco fermoso dun loureiro sacro.
Oco aberto entre enchoupadas néboas.
Mar calmo en noites violentas.
Papel enchido de agarimosas verbas.
Lareira que quence mans frieiras.
Misterio encantado dunha arelada aldea.
Quimera que non chega nun tempo apetecido.
Onde se atopa ese lugar tranquilo?
Cando quentar o tan espantoso frío?
Cando dar por bos os soños e idealismos?
Como comezar alegre o novo ano?

RosaMaría dijo...

Al calor del sol en este verano caliente tus deseos refrescan, por su ilusión y descripción. Gusto en pasar por aquí. Bicos y Bo ano 2012

Concha L. F. dijo...

Unha felicitación chea de dozura e sensibilidade.

Moita saúde e sorte.

Feliz 2012.

matrioska_verde dijo...

é que acabo de ler no blog de Zeltia que estás no hospital e veño a decirche que ogallá que teñas só unha cousa pequeniña e que che mellores ben pronto.

moito ánimo... e moito biquiños sanadores, xa verás como agora nun cachiño vas sentirte mellor.

ahi van todos... agoro sopro.