miércoles, 7 de marzo de 2012

Adicado a Uxía

"Esa nena preciosa, loira, de ollos verdes e sorriso doce, a nena máis fermosa do mundo. Mereceríao todo, pero a palabra é para min o barco máis grande e luminoso que pode sucar o mar da vida.
Mergúllate sempre nela".
Así reza a dedicatoria que lle fixen a miña filla no libro "Silenzos e Tormentas", a presenza da vida na poesía tantas veces rota nas flores e batallas, sen rendición. Unha homenaxe a quen cada día sen materia creativa me fai crer e crear as paisaxes de vida, suculentos xantares de aromas regados polo amor, polo meu amor por ti e todo o teo. Remexo nas fotos e lembro cada segundo compartido sentindo que o paso do tempo é inexorablemente unha medranza viva, san e indestrutíble. Os carreiros de palla, os lazos que nos unen e  imos inventando serán táboas de salvación nese intento constante de progreso que mantemos as dúas.
Quérote, por enriba de todo, por debaixo das pedras, mirando a lúa e construíndo raios de sol coma montañas de luz,escoitando discursos ou en silencio acariñando as nosas raíces. Quérote, por enriba do mundo enteiro.
Descúlpame, tantas veces, por non dicirche que eres o meu refuxio, as miñas noites con principio, o meu sentir de principiño viaxando polos camiños de prata, por enredarme na vida sen contar que a túa segue a estar.
Un bico cosido nun abrazo co aroma da herba medrando.
(Xa sei que merecías esta entrada)