lunes, 29 de marzo de 2010

Vivir

"Ratzinger ocultou o meu caso". Este é o titular do Pais, do día 28 de Marzo. O representante da igrexa coñecía o caso do cura pederasta de Alemania(un de tantos), decide "en conciencia" destruír actas e gardar silencio perpetuo, amparando os cregos noxentos que se casan con Deus, facendo votos de castidade. Realmente a definición de "pecar" , cometer  unha acción ou pensamento contra as leis divinas , relixiosas ou terrenais, debe de ser algo parecido a tales actos de brutalidade a rapaces, con escasas formas de defenderse. Dos predicamentos, xa non queda nada que dicir, facer actos de piedade (co que sobra) dando de comer a xente que ten pouco é unha forma inxusta de lavar esa imaxe do absurdo e denigrante, dando de comulgar á xente, creando a cultura do silencio, coas mans máis sucias e cheirentas do cume dos abusos.


martes, 16 de marzo de 2010

Mil congojas

Hoxe tiven un agasallo, Lupe mercou unha lámpada con poemas de Rosalía de Castro para a miña habitación. Ela, impaciente na vida, resolve todos os problemas do mundo con loita, entrega e moita bondade. Ten, nas súas mans, todas as xoias sen descubrir, a súa voz doce calma cando os berros teñen o seu centro na mesa, múdase, recolle-se coa clase que da a humanidade. Mércame libros para que non teña que meter a cabeza no lava vaixelas, regálame todas as palabras e faime unha fada sen complexos a procura do espertar máis nobre. Nos seus ollos nunca me fago pequeniña. Quéreme. Sostenme. A súa amizade é como un barco grande, sen medo á profundidade, un estrondo. Cando baila cos elefantes sempre me invita a súa coreografía, porque dentro do seu mundo teño un nome e ninguén coma ela sabe "chorar coma chover", amar "O amor foi un trallazo moi forte, rompeu a ventá..e quedou rota para sempre, corteime cos cristais en todos os dedos", "ser libre coas súas pernas pequenas". "No noso silencio agochado, no silencio que enche o mundo, eramos nenas colgadas nas tetas de nosas nais. Estabamos indefensas, era como namorarnos". Eu namórome unha e outra vez, con presa, con urxencia. O amor en min é moi veloz, moi absurdo, moi necesario. Os recordos poboan recunchos do meu cerebro, ataviados de diferentes cores "compartidos", sempre coa súa presenza, das nosas lembranzas. Naquel intre que lle entreguei o meu primeiro poemario rematado "Silenzos e Tormentas", souben que nos fermosos ollos da terra, hai moita esperanza, camiñando xuntas entre o novío, a chousa, a horta grande, o pradexo, a pontegrande e os ollos de noso pai. Sen ela, moitas veces, subida no tellado non esperaría a ninguén..porque me falta vocabulario.

¿Que?

Xurdo e remato, na miña comparencia
Ó teu público soa
o meu arrecenda.
O pallaso que ri de Heinrich Boll
acaba chorando na miña eira.
Orar non sei..as verbas trócanse
e non teño vocabulario.

¿Que?

Teño un poema, agachado no bolso
escribo..despois de xantar.
Non teño fame, as tripas calan
i eu recito.

Mentras lle adico estes poemiñas a Lupe, escoito a María Bethânia, un regalo dela (evidentemente) no Cd Omara portuondo.

viernes, 5 de marzo de 2010

Mudar-se

Ando coas mudanzas propias e entendibles en relación coa miña idade, entre elas cambio de casa. Entre tanto remexemento(trato de levar todo) aparece de repente a foto de meus pais. Fago un buratiño na terra de centímetro e medio, ou máis, dende alí vou aspirándo-me, visualizando todos os espazos do meu tempo, bolboretas doces saíndo da gorxa. "Meu pai nace en min, como fonte de auga clara" e como me ensinou, busco no ignorado as fontes da vida, con sentido de libertade e diversidade. Mágoa dos lindeiros que iba marcando, sempre co sorriso e a mirada máis doce do mundo, coma unha referencia estable, sen dictadura ,enchendo os días de peiteados sen sofisticación,  un fado emerxendo da marxe da terra. Coloco a túa foto no sitio máis bonito e escoito a Héroes del Silencio, porque lembro cando me decías que "Entre dos tierras" mareábache a cabeza, ti gustabas de Manolo Escobar. Mañá, nesta casa con luz, amanecerá sen frío no centro das palabras e miña nai seguirá a facer música ,enredada no teu feitizo.