martes, 16 de marzo de 2010

Mil congojas

Hoxe tiven un agasallo, Lupe mercou unha lámpada con poemas de Rosalía de Castro para a miña habitación. Ela, impaciente na vida, resolve todos os problemas do mundo con loita, entrega e moita bondade. Ten, nas súas mans, todas as xoias sen descubrir, a súa voz doce calma cando os berros teñen o seu centro na mesa, múdase, recolle-se coa clase que da a humanidade. Mércame libros para que non teña que meter a cabeza no lava vaixelas, regálame todas as palabras e faime unha fada sen complexos a procura do espertar máis nobre. Nos seus ollos nunca me fago pequeniña. Quéreme. Sostenme. A súa amizade é como un barco grande, sen medo á profundidade, un estrondo. Cando baila cos elefantes sempre me invita a súa coreografía, porque dentro do seu mundo teño un nome e ninguén coma ela sabe "chorar coma chover", amar "O amor foi un trallazo moi forte, rompeu a ventá..e quedou rota para sempre, corteime cos cristais en todos os dedos", "ser libre coas súas pernas pequenas". "No noso silencio agochado, no silencio que enche o mundo, eramos nenas colgadas nas tetas de nosas nais. Estabamos indefensas, era como namorarnos". Eu namórome unha e outra vez, con presa, con urxencia. O amor en min é moi veloz, moi absurdo, moi necesario. Os recordos poboan recunchos do meu cerebro, ataviados de diferentes cores "compartidos", sempre coa súa presenza, das nosas lembranzas. Naquel intre que lle entreguei o meu primeiro poemario rematado "Silenzos e Tormentas", souben que nos fermosos ollos da terra, hai moita esperanza, camiñando xuntas entre o novío, a chousa, a horta grande, o pradexo, a pontegrande e os ollos de noso pai. Sen ela, moitas veces, subida no tellado non esperaría a ninguén..porque me falta vocabulario.

¿Que?

Xurdo e remato, na miña comparencia
Ó teu público soa
o meu arrecenda.
O pallaso que ri de Heinrich Boll
acaba chorando na miña eira.
Orar non sei..as verbas trócanse
e non teño vocabulario.

¿Que?

Teño un poema, agachado no bolso
escribo..despois de xantar.
Non teño fame, as tripas calan
i eu recito.

Mentras lle adico estes poemiñas a Lupe, escoito a María Bethânia, un regalo dela (evidentemente) no Cd Omara portuondo.