miércoles, 23 de junio de 2010

A noite de San Xoán

Na noite do 24 de Xuño (a noite dos misterios) as lumaradas e cacharelas enchen cada recuncho da nosa terra. Mentres as meigas sucan o ceo a xente salta o lume para liberarse dos meigallos. Curar a pel, casar, empreñar, apartar os maleficios eludindo os padecementos. É unha noite de maxia na que o imaxinario se manifesta dunha forma aberta e natural. Todas as supersticións son transmitidas pola xente vella a través de moitos anos ás novas xeracións. Pola mañá, podían aparecer os animais dunha corte na outra, as portas pechadas sen poder saír, cancelas tiradas e agachadas e algunha moza que outra arrebatada nas meixelas. Meu pai un ano saltou a cacharela, entráronlle brasas nos zocos pero seguiu a festa. Pola mañá tivo que cortar unhas zapatillas por atrás para poder andar. Era gracioso. É gracioso, a preparación da leña, a chegada da noite, as sardiñas, a familia en torno ó lume...todo me parece  unha arte e un milagre. Ás mañás ,encontrarse na corredoira cun  pálido e sorprendido veciño, atopado nos penedos coas fadas, bruxas, diaños, cobras ou a mesta Santa Compaña. A fe é a que nos move sempre, pola mañá vemos bailar o sol con unha tranquilidade sorprendente, mentres lavamos a cara cos fiúnchos que deixamos na auga. Non morrerá nunca esta noite nas nosas aldeas porque desde os ancestros nos ensinaron a amala. Auga, lume, herbas. "Sálvame lume de San Xoán, para que non me trabe cadela nin can, nin cóbrega entre no pan".


Eu, nesta noite, síntome como poseída pola beleza do lume.
Gústame..ollalo, prendida das muxicas.
Que ninguén lle poña cancelas a paixón,
emoción retida, da nosa terra.