![]() |
"Galicia está no cárcere" |
"O meu libro A grafía dos mapas é a Crónica Poética dos Peliqueiros. Este libro naceu da Nada, do Amor, da Neve, e sobre todo naceu das cartas que Emilio Araúxo máis eu fomos debuxando ao longo de moito tempo (desde a morte de Novoneyra) co fume que queda no aire despois da morte das flores". Do intercambio de cartas, fotos e pensamentos ao longo de varios anos sae á luz A grafía dos mapas, o novo libro de Lupe Gómez, mestura de poesía, teatro, fotografía e ensaio. Un libro que supón un chanzo máis no compromiso social da autora, que se rebela contra perdas como a memoria, a desesperanza ante o futuro, o "cárcere" no que vive hoxe Galicia. "Disfrazarse -di a autora- é un xeito de manterse vivos na autenticidade".
Un poema que me resultou inquietante, divertido e sen metáforas:
XARDÍN DE INFANCIA"
Metemos a todos os nenos e
nenas de Galicia no cárcere de Teixeiro
para que estean quietos e non fagan ruído.
Os nenos protestan e din: ¿Podemos ver
a televisión?
Na aldea de Santiago de Arriba hai
xardíns de infancia. ¿Temos que pagar
a entrada?, preguntan os turistas.
Este ano teremos unha boa colleita
porque os nenos e nenas de Galicia
aprenderon a facer ximnasia, practicar
submarinismo e baile galego dentro
do cárcere.
Un vello sen dentes pregunta:
¿Os nenos de Galicia non teñen vacacións?