martes, 1 de marzo de 2011

A grafía dos mapas


Lupe Gómez ten outras dúas obras en camiño FOTO: antonio hernández
"Galicia está no cárcere"

O último libro de Lupe Gómez (miña irmá, compañeira de andares e palabras) foi presentado na libraría Pedreira de Compostela o pasado xoves, editado por Toxosoutos. Asistimos encantados a maxia que xurde sempre nas súas presentacións, falaba Branca Novoneyra, unha doce bailarina, poeta e comunicadora e cantaba Xabier Díaz e Guille Fernández, facendo notas co acordeón e amornándonos ca súa voz, enchendo a parte que faltaba despois de recitar Lupe, coma unha tempestade calmante. Emborrachámonos con eles, con ese sentimento que percorre o corpo cando estás entre amigos, xente que fala o teu mesmo idioma, coa que te entendes sen ser doutora en gramática.
"O meu libro A grafía dos mapas é a Crónica Poética dos Peliqueiros. Este libro naceu da Nada, do Amor, da Neve, e sobre todo naceu das cartas que Emilio Araúxo máis eu fomos debuxando ao longo de moito tempo (desde a morte de Novoneyra) co fume que queda no aire despois da morte das flores". Do intercambio de cartas, fotos e pensamentos ao longo de varios anos sae á luz A grafía dos mapas, o novo libro de Lupe Gómez, mestura de poesía, teatro, fotografía e ensaio. Un libro que supón un chanzo máis no compromiso social da autora, que se rebela contra perdas como a memoria, a desesperanza ante o futuro, o "cárcere" no que vive hoxe Galicia. "Disfrazarse -di a autora- é un xeito de manterse vivos na autenticidade".
 Un poema que me resultou inquietante, divertido e sen metáforas:

XARDÍN DE INFANCIA"

Metemos a todos os nenos e
nenas de Galicia no cárcere de Teixeiro
para que estean quietos e non fagan ruído.
Os nenos protestan e din: ¿Podemos ver
a televisión?
Na aldea de Santiago de Arriba hai
xardíns de infancia. ¿Temos que pagar
a entrada?, preguntan os turistas.
Este ano teremos unha boa colleita
porque os nenos e nenas de Galicia
aprenderon a facer ximnasia, practicar
submarinismo e baile galego dentro
do cárcere.
Un vello sen dentes pregunta:
¿Os nenos de Galicia non teñen vacacións?

11 comentarios:

isa dijo...

xao lein eche ben bonito
unha perta

fonsilleda dijo...

Haberá que telo en conta.
Pinta ben.
Bicos.

Raposo dijo...

O poema é desacougante pero anima a seguir lendo o libro. Haberá que mercalo, pois.

Xan dijo...

Canta verdade encerran esas palabras en aparencia inofensivas. Os nenos de hoxe viven prisioneiros sen apenas xogar, van de actividade en actividade para encher ausencias, ou abandonados enfronte dos medios audiovisuais para que non molesten.
Agora tócache a ti escribir un libro de poemas, Maribel.
Bicos

A nena do paraugas dijo...

Cantas cousas ditas en tan pouco espazo! Que haberá despois disto?
Terei que buscar o xeito de averigualo!

Moitos bicos.

Ío dijo...

Magníficos os versos de Lupe, as miñas felicitacións pola publicación do seu libro.
E a ti por mostrárnolo e ensinarnos a vosa "borracheira" compartida.
Os meus bicos, a miña raíña galega

Ío

A cruz da Campá dijo...

Pois haberá que mercalo e leelo, digo eu, ¿non?

Magdalena Malungo dijo...

Ben lindo o poema, cargadiño de mensaxe. Haberá logo que pasarse pola librería.
Bicos

Anónimo dijo...

Coñezo os outros poemarios de Lupe Gómez, así que terei que tamén que coñecer este. Como botón de mostra, o poema é desacougante

Antonio dijo...

Síntome privilexiado por ter o seu libro dedicado. O seu contido inspirado na Non Razon do que habitualemnte entendemos como Sentido Comun. Fai que ler non sempre ten que ser rutina. Animo Lupe, a por o seguinte. Maribel, segue ...

matrioska_verde dijo...

Vaia, pois noraboa a túa irmá e a ti tamén, felicítala de miña parte. Fai anos lín un libro que se titula “Luz e Lupe”, ¿coñécelo? ¡Canto disfrutei dese libro! Chegoume moi dentro as historias que contaban entre as dúas e aquela forma de vivir. Non lín nada máis dela, a verdade e que non son moito de poesía pero teño algún poemiña seu nalgún libro deses colectivos.
Biquiños,