viernes, 9 de diciembre de 2011

Rematar nun mesmo

Ela contábame, cada intre vivido, en compañía da persoa que amaba, como se fose un balance global en positivo. Notaba que voaba o compartilo, non tiña caprichos, nin momentos in-compartidos, era a serea que quería voar entre o ar e a néboa. A felicidade só dura un segundo. Non te ates moito máis dun segundo.
Cando el lle dixo, non quero vivir contigo, préndesme, afógasme, ela non o entendeu pero soubo que tiña que saír correndo, correndo moito, sen voltar atrás. Ela sentiuse coma unha faragulliña. Volvía a caer xeándose. Furiosa, áspera e endurecida agarrou fortemente a súa moneca tratando de encontrar un sentido a ese  mar que ninguén mira, a unha canción que ninguén escoita, a uns ollos que nunca choran. En movemento, rematar nun mesmo, ancorándose no seu propio corpo. Ser unha vestimenta, un recordo dramático, unha feira de reloxos, todos sen horario, por falta de caricias, calor e tenrura.

Sonetos en diacronía
ocaso vencido do que fomos,
volto
(sabendo que te fuches)
mentras a ponte baila
unha cantiga de desamor.
Parece que chora.

6 comentarios:

Raposo dijo...

E sobre os restos dun mesmo hai que erguerse de novo e voltar o camiño. Sempre hai unha luz o final.

Chousa da Alcandra dijo...

Xa me dirás ti como logras que dure un segundo.

Antonio dijo...

Unha dobre relación sexa física ou comunicativa leva a que a outra parte pague consecuencias ás que non se apuntou a ese xogo. Esta vez é ela, podería ser viceversa. Un segundo gozado, cortado por un engano. Seguinte paso dolorido, con rexeitamento, sen culpa, non crente, con coraza, … danada pola súa propia felicidade. Un desamor, como ben dis, chorado sen lágrimas. A él faltuolle falar.

O vedoiro da maré dijo...

Cadencia

Teima daquel soño.
Testán dunha esquina.
Carraxe do tempo.
Dores de atonía.
Afán do inverno.
Arela de auroras.
Devezo de arrolos.
Ansia do meu día.

A nena do paraugas dijo...

Concordo co señor Raposo. Sempre hai unha luz agardando nalgures...

E menos mal que un segundo so dura iso, un segundo. Porque hai algúns que semellan ser eternos ás veces!

Biquiños e... Segundos, moitos segundos de felicidade.

Aldabra dijo...

segundos que non se olvidan nunca:

"non quero vivir contigo"
"xa non estou orgulloso de que sexas a miña muller"

¿quén podería olvidalo?

son puñais no medio do corazón...


pero tamén digo como Raposo, sempre hai unha luz, outro amor, novas ilusións...

porque si non... si non, mais valería morrer; soportar toda esa door é duro.

biquiños,

¡¡que ben contas as cousas aínda que sexan tristeiras!!