miércoles, 7 de marzo de 2012

Adicado a Uxía

"Esa nena preciosa, loira, de ollos verdes e sorriso doce, a nena máis fermosa do mundo. Mereceríao todo, pero a palabra é para min o barco máis grande e luminoso que pode sucar o mar da vida.
Mergúllate sempre nela".
Así reza a dedicatoria que lle fixen a miña filla no libro "Silenzos e Tormentas", a presenza da vida na poesía tantas veces rota nas flores e batallas, sen rendición. Unha homenaxe a quen cada día sen materia creativa me fai crer e crear as paisaxes de vida, suculentos xantares de aromas regados polo amor, polo meu amor por ti e todo o teo. Remexo nas fotos e lembro cada segundo compartido sentindo que o paso do tempo é inexorablemente unha medranza viva, san e indestrutíble. Os carreiros de palla, os lazos que nos unen e  imos inventando serán táboas de salvación nese intento constante de progreso que mantemos as dúas.
Quérote, por enriba de todo, por debaixo das pedras, mirando a lúa e construíndo raios de sol coma montañas de luz,escoitando discursos ou en silencio acariñando as nosas raíces. Quérote, por enriba do mundo enteiro.
Descúlpame, tantas veces, por non dicirche que eres o meu refuxio, as miñas noites con principio, o meu sentir de principiño viaxando polos camiños de prata, por enredarme na vida sen contar que a túa segue a estar.
Un bico cosido nun abrazo co aroma da herba medrando.
(Xa sei que merecías esta entrada)

12 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Nos ollos de Uxía vexo a ledicia que lle rezuman esas palabras tan ben tecidas por súa nai no tear da sinceridade.
Disfrutade moito da reciprocidade dese amor sin reservas!

Uxía, nena de ribelma. dijo...

Quérote moito, a miña ledicia e todo culpa túa, os meus ollos brillan cada vez que te vexo, ti eres a miña fada que se estende polo meu corpo acariciándome pouco a pouco.
Ti merécelo todo, pero, eu sei que co meu cariño e amor confórmaste. Espero que estes sempre feliz e que goces moito e para sempre.

matrioska_verde dijo...

que fermoso, nai e filla, filla e nai, as dúas nunha.

amor compartido, e non hai nada mellor neste mundo.

biquiños,

Paz Zeltia dijo...

emocionástesme.
e recordar o meu cativo que agora xa é un home e me da os abrazos máis bonitos do mundo.
ás veces síntome mal por desexar outros abrazos que non son os seus,
o meu neno de ollos docemente tristes.
Maribel, coño, ponlle dous rombos a entradas coma estas, que é moi tarde para chamar e me quedo con este nudiño ata mañán que lle poida dicir canto o amo!

Ío dijo...

Case me fas chorar, a miña raíña galega, de tan fermosas que son as túas palabras para Uxía.
Felicítovos ás dúas pola sensibilidade que compartides.
Un abrazo para ti e para ela, bicos de cores entre ondas de mar.

Ío



((Grazas polas túas palabras no meu recuncho; que ben que che gustase o soneto ;), ))

Anónimo dijo...

Moi fermoso Maribel. Ese amor construído de raios de sol, da maxia dos contos antes de durmir, dese velar constante. Esa entrega mutua, versos enhebrados con amor, a dozura que transmiten as túas palabras emocionan,..
Bicos

jogonzaglez dijo...

PALABRA és un barco grande e luminoso.
Un navío que surca o mar da vida.
Unha inmensidade que abraza xeografías.
Un refuxio nas noites con principio.
Unha esquina que expresa esta mirada.
Un ósculo cosido nun agarimoso abrazo.
Un sentir de principiño no Castelo de Bellver.
Unha torre da homenaxe dende onde te ver.
Unha fresca ventisca chegada de ningunha parte.
Un pode ser, un debe ser, un ten que ser.

A nena do paraugas dijo...

Cando se chega a este punto de confidencialidade, de unión, todo o demais non importa. Eses bicos e abrazos non teñen prezo. Son o mellor agasallo que se pode recibir!

Gozade moito tempo. Todo o que poidades!

Bicos.

Antonio dijo...

A sombra alargada de unha nai, un sol que ilumina as dúas. Fúndense as miradas nun abrazo diario, non se poden separar os elementos de que están feitas, todo é o mesmo: Uxía-Maribel e Maribel-Uxía. Sempre unidas, seguíde asi, que nada nin nadie astille esa árbore. Alégrome por vos. Bonitos apoios de tod@s, alentandovos. O meu gran de area, de esa praia que tendes, ahi vai. bicos.

Raposo dijo...

Fermosas verbas que dan forma a un sentimento compartido.
Parabens as dúas!!!

marce dijo...

Impresionante demostración de cariño. Nunca é tarde e ela sabe ben da túa disposición ante a súa vida.

Leíno como un torrente labra o río para darlle forma e o leve a bo destino. Xenial.

boa tarde.

Anónimo dijo...

Isto é un agasallo e o demáis son lerias do Todo-a-cien. Hala facer chorar... ;))