-Un breve momento para mandarche un saúdo, cómplice de palabras que debuxan,debuxos que se alternan con momentos solitarios, días que rexeitamos o mandar saúdos, días que nos achegamos a través da palabra. Se o teu día é un deses para rexeitar un saúdo, tes o meu silencio como cómplice para a túa opción. Resérvome as palabras para outro momento onde tal vez poidan cruzarse coas túas e iniciar ou continuar debuxos en lenzos en branco, preocúpame non saber de ti,
-Teño a voz rota ,hoxe teño un sentimento de penumbra ,enmallada. ¿Pódese soster o silencio?
-Ata ti podo lanzar as miñas palabras para solicitar un breve momento de cruces e comunicacións fugaces,alixeirar o silencio que tal vez te atafegue.
-Todo era un "xogo de vida", formaba parte do misterio,do irreal e sigo asombrándome de min mesma e das miñas sensacións.
-Quedaches atrapada entre as bambolinas do efecto creador, poderoso, que teñen as aparentes inofensivas palabras ¿Motivación, necesidade? .Un bico para a túa percepción e por deixarche apoderar pola maxia tan intanxible ao contraxeito de tanta superficialidade nas cousas que nos rodean .
-Bágoas sen ficción, sensualidade por milleiros, coñecín outra persoa que estaba enmallada sen mostras de cansazo nin rutina, foi un descubrimento, pero agora é unha loita para proclamarme allea e vitoriosa, poderosa maxia esta da comunicación con malabarismos onde se xoga con palabras, imaxinación... gran misterio este que provoca e xera anhelos de máis e máis, unha maxia imprudente, case temeraria...
-Digamos que máis ben inicua se están ben amornados os adentros .
- Non o é. Todo era un xogo. Algo me queima.
-¿Quéimache? que marabilla sentir a vida nos adentros, deixarse levar polos fluídos e refachos de letras provocadoras, innovar no espírito do descoñecido e deixar que o corpo acompañe, planifique as sensacións e praceres
-Estou asustada. Tremo.
-Pecha os ollos, mira os teus mundos, adorna o teu "eu" coa conciencia da tenrura e dirixe as túas ansiedades cara á beleza do simple, talvez unha tenue luz a través de calquera rendixa, ou neste tempo de neve deixar que o fresco da brisa acariñe as fazulas... nada nin ninguén pode romper a liberdade máis íntima. Perdón por estes, digamos, consellos. Con eles vai unha lixeira serenidade para as túas batallas. Unha caricia e a certeza que somos semideuses para abrir e pechar as portas segundo as nosas necesidades e sentires.
-Admiro o teu pensamento,a túa loita ,creo que diaria, para protexerche do que ninguén entende. Amo a palabra porque poder expresarse faime máis libre, máis ofensiva. e tamén a palabra pode ofrecer tenrura e serenidade para a alma axitada.
-Calma, din que o importante non son as metas, as chegadas nin os logros, nin sequera as máis sublimes, senón a marabilla de camiñar e camiñar.¿ E porque non só situalo na vida coma unha tregua necesaria e pracenteira?.
-Será. Unha tregua. Curarme de ti. Sen loita e con autonomía.
-
14 comentarios:
Os silencios sempre se poden abrir, adoitan ter a chave na pechadura. É un contraste ler este texto dun "sentimento de penumbra" á beira desa mirada de esperanza.
Un saúdo cómplice de palabras
Hai silencios que falan máis que mil palabras. Saudos.
Pasei e lin. Pero ei de voltar a ler. Non chegou unha lectura pra chegar o fondo do teu texto.
Non abonda pra penetrar na fondura.
A min nom me chegou.
Ei volver
Bicos.
A LOITA ENTRE DÚAS FORMAS DE VER UNHA VIDA DESDE A MESMA PERSOA, ONDE SE ISPE UNHA E A OUTRA A ANALIZA E ACONSELLA. A TREGUA É POSITIVA E OXALA DÚRECHE PARA SEMPRE XUNTO A ESA PARTE POLA QUE PACTAS. APOSTO POR TI E IDENTIFÍCOME PLENAMENTE, PÁSAME O MESMO. UN BICO DE CHOCOLATE CON CANELA, MARIBEL
Aclaración do texto: conversa con un mesmo, certa bipolaridade, necesaria para animar a parte en conflicto. Sinto non haber estructurado ben o texto, paso a cambiar o título do post. Un saúdo e grazas.
Grazas pola aclaración Mabel, a verdade é que releín o texto despois da mesma e xa sitúo o momento. É bo, de cando en vez, non esperar por "mimos" alleos, a loita e a paz fica en nós mesmos. Sempre me fas pensar. Unha forte aperta (ás dúas).
Desde fóra é difícil percibir ás veces as voces que se alzan nos nosos silencios. Pero tampouco cómpre, pois destes diálogos acochados nas nosas penumbras é de onde sae a luz. Que sería de nós sen eles?
Desde a primeira ata a última palabra comparto este diálogo aparentemente inconexo. É o que pasa cando se nos ocorre falar co interior: semella deslabazado, pero sempre ten sentido.
Biquiños.
Hai quen di que a vida é acougar. E hai quen di que todo o contrario. Se cadra ás veces é acougar e ás veces non. Ás veces e virarse tolo e deixarse levar pola tolemia porque moita cordura non é boa.
Todo isto veño decilo coma o tolo que son. Se me mandan ó médico non hei protestar, agora que caso non lle hei facer moito...
Bicos.
No fondo todos pretendemos salvarnos.
pero tampouco.
nadar e gardar a roupa...
a min este texto teu de agora ponme triste.
como di alguén por aí,
sin chegar ó fondo del,
pero deixa un pouso de insatisfacción, non che sei dicir.
grazas por poñer o poema de benedetti que me acompaña dende hai tempo coma un dos poemas que fixen meus
Nada me reconforta mais que saber que hai outros semellantes que tamén falan con un mesmo. Zenkiu por esa bipolaridade e, sobre todo, zenkiu superlativo por confesalo.
Bicos ulláns
O bo que teñen os monólogos é que abren portas que as veces nin sequera sabíamos que estaban aí.
Bicos.
As veces estamos demasiado pendentes do que acontece ahí fóra e non nos decatamos do importante que é comunicarse con un mesmo para atopar a felicidade, para ser máis nós mesmos, para entendernos, para crear as nosas vidas, con palabras ou con feitos... E sí, as veces ficamos abraiados, para ben ou para mal do que atopamos: o Eu.
Bico!
E así do que ninguén entende xordes ti mesma.
Asústache o que sentes?, tantas veces non estás soa neses pensamentos, sentimentos que nos fan transparentes, cando unha tímida luz faiche sentir diferente, distinta, e con todo es ti, baixo outro prisma, con todos os teus lados camiñando ao teu lado....palabras que non nos dan tregua, ou silencio total.
"Curarme de ti", creo que non é posible sen loita.
Un bico de cores sempre en ti, a miña raíña galega
Ío
Xa me gustaría atopar con facilidade unhas verbas para describir o retorcido lenguaxe da conversa entre ises seres. Será pola miña ignorancia e falla de claridade a ora do análise. Atópolle un respeto mútuo e unha mensaxe encastrada. Súmome os que seguirán releendo. Deica..
Publicar un comentario